SECCIÓN PRIMEIRA
Da Orde do Día e as Delegacións ao Congreso
Art. 1. 1. O Congreso é o órgano supremo da Organización. A súa convocatoria,
composición e tarefas ateranse ao establecido nos Estatutos.
2. O Congreso só tratará os asuntos que figuren na Orde do Día e debatirá as
propostas recollidas nos Documentos de Traballo e as emendas aos mesmos, sempre
que non foran rexeitadas por este. Nembargantes, consignarase un punto de
proposicións urxentes que, se así se estiman previamente polo Congreso, poderán
debatirse polo mesmo.
Art. 2. 1. Cada organización –Federación e Unión- convocada ao Congreso
configurará unha Delegación cos/as delegados/as que lle correspondan. Cada
Delegación elixirá un portavoz para participar no Congreso.
2. Poderá facer uso da palabra no Pleno do Congreso:
a) O portavoz dunha Delegación.
b) Calquera membro dunha Delegación, se o apoia por escrito, alomenos, un
vintecinco por cento da súa Delegación.
c) Calquera delegado/a do Congreso, se o apoia por escrito, alomenos, o dez por
cento dos/as delegados/as ao Congreso.
SECCIÓN SEGUNDA
Acreditación de Delegados/as e Constitución do Congreso
Art. 3.1. A Comisión Executiva constituirá unha Comisión de Verificación de
Credenciais. Estará composta por cinco membros: dous en representación da
Comisión Executiva e tres elixidos polo Comité que convocara o Congreso.
2. A Comisión de Verificación de Credenciais, iniciará as súas tarefas de acreditación
de delegados/as vintecatro horas antes da sinalada para o inicio do Congreso. A
acreditación farase individualmente a cada delegado/a, que asinará o recibí da súa
acreditación. Será necesaria a presentación do Documento Nacional de Identidade ou
documento oficial identificativo para acreditarse.
3. A Comisión de Verificación de Credenciais comprobará os documentos que avalen
a elección democrática dos/as delegados/as e se estos cumpren os requisitos
establecidos nos Estatutos. En caso de incumprimento do artigo 3.4 dos Estatutos
Confederais, a Comisión de Verificación de Credenciais só acreditará o número de
delegados/as que faga cumprir a unha Delegación os requisitos do dito artigo,
independentemente do número de delegados/as que tivera asignado, comezando por
eliminar os/as elixidos/as no último lugar. Examinará as posibles reclamacións
existentes contra a elección dos/as delegados/as. Tratará exclusivamente aquelas
impugnacións relacionadas directamente cos congresos das organizacións
convocadas ao Congreso principal. Só admitirá a trámite as impugnacións efectuadas
regulamentariamente ante a Mesa do Congreso que se impugna.
Art. 4.1 A Comisión de Verificación de Credenciais tratará de resolver as
impugnacións presentadas. De non ser posible, trasladará o caso á Mesa do
Congreso que decidirá, en última instancia, as medidas a adoptar.
2. A Comisión de Verificación de Credenciais elaborará un dictame que recolla o
número de delegados/as acreditados e a porcentaxe que representa sobre o total de
delegados/as que compoñen o Congreso. A través dun dos seus membros informará
aos delegados/as reunidos mediante un primeiro dictame, que se emitirá cando se
acadara a maioría requirida para constituír o Congreso. Emitirá un segundo dictame
inmediatamente antes de que se procede a votar a Xestión, e un terceiro e último
dictame antes de que se inicie a elección dos órganos e cargos a elixir polo Congreso.
Art. 5.1. O Congreso poderá constituírse en primeira convocatoria, de acordo co
horario establecido, cando se acreditaran a maioría absoluta dos/as delegados/as con
dereito a voto. Se á hora sinalada para o seu comezo non se houbese acreditado
aínda a maioría requirida, anunciarase unha segunda convocatoria para dúas horas
máis tarde.
2. Se transcorrido o prazo non se acadara aínda a maioría necesaria, o Congreso
aprazarase vintecatro horas. Se ao término das mesmas non se conseguiu a
acreditación da metade máis un dos/as delegados/as con dereito a voto, o Congreso
deberá convocarse de novo dentro dos prazos establecidos para o Congreso
Extraordinario.
Art. 6.1. Conseguida a maioría necesaria para constituír o Congreso, a Comisión
Executiva procederá á súa apertura e, acto seguido, á solicitude de propostas para a
composición da Mesa do Congreso. As candidaturas á Mesa do Congreso serán
completas, pechadas e bloqueadas.
2. Cando exista unha soa candidatura, a elección farase por asentimento ou en
votación ordinaria se así o solicita calquera delegado/a. Se se presentan varias
candidaturas utilizarase a votación ordinaria para resolver as diferentes alternativas. O
conxunto de postos da Mesa será para a candidatura máis votada. En caso de empate
repetirase a votación.
SECCIÓN TERCEIRA
Da Mesa do Congreso
Art. 7.1. A Mesa do Congreso compoñerase de cinco membros: Presidente,
Vicepresidente, Secretario/a de Actas, Secretario/a de Palabra e Vicesecretario/a.
2. A súa misión consiste en dirixir as tarefas do Congreso e ordenar o debate e a
discusión dos asuntos contidos na Orde do Día. Tomará os acordos por maioría
simple dos seus membros. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do
Presidente.
Art. 8.1. O Presidente, no nome da Mesa e co seu asesoramento se fose necesario,
autorizará o uso da palabra polo tempo fixado e a suspenderá cando o orador non se
axuste á Orde do Día, ao asunto en discusión ou se manifeste de maneira non
axeitada.
2. A Mesa, a través do seu Presidente, poderá penalizar a un delegado/a que se
manifeste improcedentemente ou non observara as regras de disciplina,
suspendéndolle o uso da palabra durante unha ou varias sesións, chegando, se é
necesario para salvagardar a orde, a súa expulsión da sala.
Art. 9.1. O/a Secretario/a de actas recollerá os incidentes dignos de mención, así
como tódalas propostas concretas xunto coa Delegación e o delegado/a que as
presenta e un resumo das intervencións a favor ou en contra destas. Rexistrará a
clase de votacións producidas sinalando os votos a favor, en contra, e as abstencións,
e a unanimidade ou o asentimento cando o houbese.
2. As actas deberán ser aprobadas pola Mesa, asinadas polo Presidente e o/a
Secretario/a de Actas, e entregadas á Comisión Executiva para o cumprimento dos
acordos adoptados e o seu arquivo.
Art. 10.1. Cando teña que ausentarse da Mesa, o Presidente será substituído polo
Vicepresidente e o/a Secretario/a de Actas e o Secretario/a de Palabra polo
Vicesecretario/a.
2. Cando os membros da Mesa desexen intervir nos debates, estarán obrigados a
indicalo ao abrirse o correspondente turno de palabras, axustándose ás mesmas
regras que os/as delegados/as.
Art. 11.1. A Mesa elaborará o plan de traballo de cada sesión, a partir da primeira
xornada, de acordo coa Orde do Día do Congreso e os criterios establecidos polo
Comité que o convocou.
2. Ao final de cada xornada reunirase a Mesa para establecer o plan de traballo da
seguinte sesión, que só poderá ser modificado por decisión maioritaria do Congreso,
orixinada pola presentación dunha cuestión previa que se debaterá cun turno a favor e
outro en contra, se así o estima o Presidente.
3. A Mesa será asistida pola Comisión Executiva cantas veces sexa necesario e así o
requira.
A Comisión Executiva aportará os medios técnicos e humanos necesarios para
recoller con todo detalle e amplitude as deliberacións do Congreso e facilitar as
tarefas do mesmo.
SECCIÓN CUARTA
Dos Debates en Xeral
Art. 12.1. Corresponde á Mesa do Congreso dirixir os debates. Antes de comezar o
debate, a Mesa anotará tódalas peticións de palabra e, tendo en conta o seu número,
fixará o tempo que concede a cada orador. En todo caso, cando o Presidente entenda
que unha proposta ou exposición pode entrañar un excesivo número de intervencións,
restrinxirá estas, establecendo un máximo de tres turnos a favor e outros tantos en
contra, limitando o tempo concedido a cada orador.
2. Nos debates, o que fora contradito nas súas argumentacións por outro orador, terá dereito a replicar ou rectificar unha soa vez por un tempo máximo de cinco minutos. A rectificación debe limitarse a aclarar conceptos mal entendidos ou mal interpretados e nunca para aportar novos argumentos.
3. Cando no desenvolvemento dos debates se fixeran alusións que impliquen xuízo de valor ou inexactitudes sobre a persoa ou a conducta dun delegado/a, o Presidente poderá conceder ao aludido o uso da palabra por tempo non superior a cinco minutos para que, sen entrar no fondo do debate, conteste estrictamente ás alusións realizadas.
4. En tódolos debates de Pleno e Comisión, os membros da Comisión Executiva poderán intervir sen consumir turno, sen prexuízo das facultades que, para a ordenación dos debates, corresponda ao Presidente da respectiva Mesa.
Art. 13.1. Durante os debates, os/as delegados/as poderán solicitar a palabra para
formular as cuestións incidentais seguintes:
a) Cuestión de Orde. Obterase preferentemente. Utilizarase para esixir que se
respecte a orde lóxica e cronolóxica dos debates no marco dos temas contidos na
Orde do Día e do procedemento establecido para as sesións pola Mesa. Así
mesmo servirá para propoñer unha orde lóxica cando as incidencias do debate así
o aconsellen. A Mesa decidirá en calquera caso.
b) Cuestión Previa. Utilizarase para solventar unha cuestión que, a xuízo do
solicitante, puidera resultar determinante para o resto do debate. Sobre esta
Cuestión poderase conceder un turno a favor e outro en contra, seguido dunha
votación que decida o tema, cando así o considere oportuno o Presidente.
c) Cuestión Regulamentaria. Vai dirixida a solicitar a observancia do Regulamento.
O solicitante deberá citar o artigo sobre o que reclama a súa aplicación. Esta
Cuestión non xerará debate ningún, debendo acatarse a resolución que o
Presidente adopte á vista da alegación realizada.
SECCIÓN QUINTA
Das Votacións
Art. 14.1. O Congreso tomará os seus acordos con arreglo a un dos procedementos
seguintes:
a) Por asentimento á proposta do Presidente.
b) En votación ordinaria.
c) En votación secreta.
2. Agás que polos Estatutos ou por este Regulamento se requira quórum ou maioría
especial, os acordos adoptaranse pola maioría simple dos/as delegados/as presentes
con dereito a voto, sempre que estean a metade máis un dos membros que integren o
Pleno ou a Comisión.
3. Poderá solicitarse por calquera delegado/a a comprobación de quórum antes do
comezo de cada votación. Unha vez iniciada esta, a validez do acordo non poderá
impugnarse calquera que fora o número de votantes.
4. Iniciada a votación ningún delegado/a poderá entrar ou ausentarse da sala ata que
finalice a emisión do sufraxio. As votacións non poderán interromperse por causa
ningunha, nin se concederá a palabra a ningún asistente.
Art. 15.1. Entenderanse aprobadas por asentimento as propostas que faga o
Presidente, ou que por encargo seu formule a Mesa, cando unha vez anunciadas, non
se suscite reparo ou oposición a elas.
Art. 16.1. A votación ordinaria verificarase por decisión do Presidente, de acordo coa
Mesa. Para este tipo de votación, solicitarase primeiro os que votan a favor, despois
os que votan en contra e, finalmente, os que se absteñen.
2. A Mesa poderá ser auxiliada por un servizo de sala para o reconto dos votos.
Art. 17.1. A votación será secreta nas Comisións ou no Pleno cando así o solicite un
terzo dos/as delegados/as acreditados con dereito a voto. No caso da Comisión
deberán estar inscritos na mesma.
2. En todo caso, empregarase a votación secreta para a elección da Comisión
Executiva e da Comisión de Control. Así mesmo, utilizarase este tipo de votación para
a elección de cargos electos ou de representación, que deba efectuar o Congreso.
3. Os responsables da organización do Congreso facilitarán á Mesa as urnas, sobres,
papeletas e cabinas, que garanten a confidencialidade do voto.
SECCIÓN SEXTA
Da Xestións dos Órganos ao Congreso
Art. 18.1. O Congreso recibe os Informes de Xestión da Comisión Executiva e da
Comisión de Control para a súa análise e decisión sobre os mesmos.
2. O Informe de Xestión, que deberá estar en poder dos/as delegados/as elixidos,
darase por lido. No nome da Comisión Executiva, o seu Secretario/a Xeral ampliará
oralmente o dito Informe de Xestión. Por parte dos demais órganos intervirá o seu
respectivo portavoz.
Art. 19.1. As Delegacións que desexen intervir na análise das actividades
desenvolvidas no período de xestión deberán solicitalo á Mesa, facendo constar os/as delegados/as que intervirán e os seus datos da acreditación. Indicarán tamén a qué
órgano se referirán na súa intervención, e se esta remitirase ao conxunto da xestión
ou a unha parte específica da mesma, debendo indicar a cal neste último caso.
2. Poderán intervir no debate da Xestión o portavoz de cada Delegación e aqueles
delegados/as que estean avalados por escrito por, alomenos, o vintecinco por cento
dos membros da súa Delegación. Os/as delegados/as que vaian a intervir por unha
Delegación repartiranse o tempo concedido en proporción á súa representación na
mesma.
3. A Mesa establecerá un só turno de intervencións con dereito a rectificación. A
duración máxima de cada intervención será de dez minutos, axustándose o tempo
concedido a cada Delegación en función do número de intervencións solicitadas.
4. No turno de réplica, só intervirán os membros dos órganos que presentan Xestión e
os/as delegados/as que aqueles puideran determinar.
Art. 20.1. Concluído o debate, a Mesa someterá a votación ordinaria e por separado a
Xestión da Comisión Executiva, do Comité e da Comisión de Control.
2. No caso de que se solicite votación sobre un aspecto concreto da Xestión,
procederase a efectuala sen que eisto dea lugar a un novo debate. A dita solicitude
deberá estar avalada por escrito por, alomenos, o vintecinco por cento dos/as
delegados/as do Congreso.
SECCIÓN SÉTIMA
Do Debate das Propostas ao Congreso
Art. 21.1. O Congreso traballa en Comisión e en Pleno.
2. Unha vez constituída a Mesa do Congreso, esta procederá a sinalar as Comisións
de Traballo previstas para tratar os Documentos de Traballo e declarará aberto o
prazo de inscrición nas mesmas.
3. Cada unha das Comisións constituirase con, alomenos, o dez por cento dos/as
delegados/as. Se non se acadara o dito número de delegados/as inscritos
procederase a unificar as Comisións afectadas.
4. As Federacións e as Unións distribuirán aos membros das súas Delegacións
proporcionalmente entre as distintas Comisións. Cada delegado/a só poderá
inscribirse nunha Comisión, non podendo participar nos seus debates quen non estea
inscrito nela.
Art. 22.1. Co obxecto de defender os Documentos de Traballo, a Comisión Executiva
nomeará ata cinco Ponentes por Comisión, que deberán ter a condición de
delegados/as ao Congreso.
2. A Comisión Executiva está representada en cada Comisión por, alomenos, un dos
seus membros.
Art. 23.1. Antes de proceder á constitución das Comisións de Traballo, a Mesa do
Congreso haberá de someter ao Pleno as emendas á totalidade.
2. Para cada emenda á totalidade a Mesa establecerá un turno a favor e outro en
contra, cun máximo de quince minutos para cada un, someténdoa seguidamente a
votación ordinaria.
3. Se a emenda á totalidade é aprobada servirá de base de discusión na Comisión,
podéndose presentar emendas “in voce” segundo se vaian examinando os apartados
da mesma. Neste caso, exercerán como Ponentes os que presentaron a dita emenda.
Art. 24.1. A Mesa do Congreso constituirá cada unha das Comisións, previa
constatación dos/as delegados/as inscritos nela. Unha vez constituída, o
representante da Mesa do Congreso solicitará propostas para a elección da Mesa da
Comisión que estará composta por tres membros: Presidente, Secretario/a de Actas e
Secretario/a de Palabra, e a súa misión será dirixir os debates da Comisión.
2. A Mesa da Comisión é elixida en votación ordinaria e, para a súa elección,
competencias e funcionamento, estarase, por analoxía, ao disposto no presente
Regulamento para a Mesa do Congreso.
Art. 25.1. Cada Comisión examinará os Capítulos dos Documentos de Traballo que lle
sexan asignados, xunto coas enmendas que lles correspondan.
2. A Comisión dará comezo as súas tarefas cun breve informe, a cargo dos Ponentes,
sobre os Documentos de Traballo a tratar na Comisión. A continuación, a Mesa
examinará o texto ordenadamente, apartado por apartado ou artigo por artigo.
3. A Mesa someterá a discusión as emendas ao apartado ou ao artigo comezando
polas de supresión, despois as de modificación e finalmente as de adición,
establecendo ata tres turnos a favor e outros tantos en contra por cada unha das
emendas e limitando o tempo dos intervintes. Poderán facer uso da palabra os
emendantes e os membros da Comisión.
4. Terminada a discusión dun apartado ou dun artigo, o Presidente someterá a
votación as emendas ao mesmo pola orde de maior a menor afastamento do texto
emendado, solicitando os votos a favor, os votos en contra e as abstencións. Os
apartados ou os artigos que non tiveran emendas pasaranse, sen debate,
directamente a votación. Concluídos os debates da Comisión, votarase o texto final do
dictame que incorporará as emendas aprobadas.
Art. 26.1. Unicamente debateranse as emendas que foran presentadas en tempo e
forma polas organizacións e órganos competentes para isto.
2. Non obstante, durante o debate, a Mesa poderá admitir emendas que teñan por
finalidade subsanar erros ou incorreccións técnicas, terminolóxicas ou gramaticais. Así
mesmo, poderán admitirse emendas de transacción que tendan a acadar un acordo
entre as emendas xa formuladas e o texto dos Documentos de Traballo, sempre e
cando o acepten tanto o ponente como o emendante, supoñendo, en caso de
aceptación, a retirada das emendas respecto das que se transixe.
3. A efectos do debate e posterior votación, as emendas de transacción terán o
mesmo tratamento que o resto das emendas. Cando o ponente asuma directamente
unha emenda, esta haberá de ser votada para decidir a súa incorporación ao texto do
dictame.
4. As emendas rexeitadas pola Comisión pero que obtiveran, alomenos, un vintecinco
por cento dos votos, poderán ser mantidas polos emendantes para o seu debate no
Pleno do Congreso. A estos efectos, os emendantes solicitarano por escrito á Mesa
da Comisión ao término dos debates, indicando as emendas que se manteñen e quen
as defenderá ante o Pleno.
5. Así mesmo, a Ponencia poderá manter ante o Pleno do Congreso o texto dos
Documentos de Traballo que fora emendado na Comisión. Neste caso, os Ponentes
deberán comunicalo á Mesa da Comisión indicando o texto a manter.
Art. 27.1. A Mesa da Comisión, no prazo máis breve posible, facilitará á Mesa do
Congreso o dictame da Comisión xunto coas emendas que se manteñan para o
debate no Pleno e os nomes dos encargados de defendelas. Toda esta
documentación estará asinada polo Presidente e o/a Secretario/a de Actas da Mesa
da Comisión.
2. O dictame da Comisión xunto coas enmendas mantidas será posta a disposición
dos/as delegados/as coa antelación suficiente para que estos poidan pronunciarse
con coñecemento de causa no Pleno do Congreso.
Art. 28.1. A Mesa do Congreso enviará ao Pleno o dictame de cada unha das Comisións de Traballo para a súa aprobación.
2. A Mesa concederá a palabra ao ponente ou ponentes encargados de defender o
dictame da Comisión de Traballo, que expoñerá un resumo da mesma. A
continuación, e se non houbera emendas, o Presidente someterá ao Pleno do
Congreso a aprobación do dictame da Comisión.
Art. 29.1. Se se mantiveran emendas ao dictame da Comisión, o Presidente abrirá un
debate, poñendo a discusión as emendas, comezando, respectivamente, polas de
supresión, modificación e adición.
2. A Mesa establecerá ata tres turnos a favor e outros tantos en contra, segundo a
importancia do asunto a debater, limitando o tempo de cada intervención que non
poderá exceder de dez minutos.
3. A favor da emenda intervirán os emendantes ou os/as delegados/as que estos
designen. En contra da emenda –e, polo tanto, en defensa do texto do dictameintervirán
os Ponentes ou os/as delegados/as que estos designen.
Art. 30.1. As emendas aprobadas polo Pleno incorporaranse ao dictame da Comisión
de Traballo.
2. Concluído o debate de tódalas emendas ao dictame dunha Comisión de Traballo, o
Presidente someterá ao Pleno do Congreso o texto final resultante para a súa
aprobación.
Art. 31.1. O Congreso establecerá unha Comisión de Traballo específica para tratar
sobre as emendas presentadas aos Estatutos e á Normativa Interna. O seu
funcionamento será análogo ao do resto das Comisións de Traballo.
2. Esta Comisión constituirase co dez por cento dos/as delegados/as ao Congreso.
Estará composta por delegados/as de cada unha das Delegacións, proporcionalmente
a súa representación no Congreso. Cada Delegación terá dereito a un membro nesta
Comisión de Traballo. A Comisión Executiva estará representada por, alomenos, un
dos seus membros.
3. A Comisión examinará as emendas e pronunciarase sobre as mesmas. Elaborará
un Dictame co texto das emendas asumidas que será presentado ao Pleno do
Congreso para a súa aprobación.
4. As emendas que non foran asumidas pola Comisión poderán presentarse polos
emendantes ao Pleno do Congreso sempre que obtiveran, alomenos, un vintecinco
por cento dos votos favorables dos/as delegados/as que constitúen a Comisión.
SECCIÓN OITAVA
Do Procedemento Electoral
Art. 32.1. Unha vez analizada e xulgada a Xestión da comisión Executiva e da
Comisión de Control, a Mesa declarará aberto o período de presentación de
candidaturas aos citados órganos e a calquera outro cargo ou representación que
debe ser elixido polo Congreso, sinalando o horario límite para a recepción de
propostas pola Mesa.
2. As propostas de candidatura, para a súa admisión pola Mesa, deberán estar avaladas por, alomenos, o vintecinco por cento dos/as delegados/as con dereito a
voto e os/as candidatos/as deben cumprir os requisitos esixidos polos Estatutos para
ser elixibles.
Art. 33. Concluído o prazo de presentación de candidaturas, ou a prórroga se fose
necesario, a Mesa dará a coñecer ao Pleno do Congreso as candidaturas admitidas e
o horario e as normas para a votación, que será nominal e secreta.
Art. 34.1. O control da votación e o escrutinio dos resultados estará a cargo da Mesa
do Congreso. Cada candidatura poderá designar un interventor por cada mesa de
votación que se estableza. Os interventores incorporaranse ao escrutinio de
resultados, podendo formular por escrito as observacións que sobre a votación e o
escrutinio estimen pertinentes e realizar, se o consideran necesario, impugnacións
que resolverá a Mesa.
2. O escrutinio terá carácter público podendo asistir os/as delegados/as que o
desexen.
Art. 35.1. A Mesa do Congreso levantará unha Acta de Proclamación de Resultados,
onde deberán figurar os membros elixidos para cada órgano e cometido. Xunto a isto
consignarase o número de votos emitidos e os votos válidos, nulos e en branco
obtidos pola candidatura así como a porcentaxe dos votos válidos sobre os votos
emitidos.
2. Os/as candidatos/as, para ser proclamados electos, deben cumprir cos requisitos
de elección establecidos nos Estatutos.
3. Cando conclúa o seu labor, a Mesa do Congreso, a través do seu Presidente, proclamará os resultados ante o Pleno do Congreso.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.- Este Regulamento non pode contradicir os Estatutos. En caso de
contradicción a Mesa do Congreso aterase ao que establezan os ditos Estatutos. Da
mesma maneira actuará ante materias non reguladas especificamente neste
Regulamento.
Segunda. Este Regulamento só poderá ser modificado polo Congreso nas condicións
establecidas nos Estatutos.
Terceira. Se os Estatutos variasen nun Congreso, afectando as modificacións
operadas ao presente Regulamento, este será axeitado á nova redacción daqueles, a
proposta da Comisión de Traballo que debatera as enmendas aos Estatutos.
DISPOSICIÓN FINAL
Os acordos do Congreso entrarán en vigor unha vez finalizado este, coa excepción
das modificacións que afecten á composición dos órganos a elixir polo congreso e aos
requisitos e procedementos para a súa elección, que serán de aplicación inmediata
polo mesmo Congreso que as aprobou.
PALACIO DE CONGRESOS E EXPOSICIÓNS DE GALICIA
DATAS